Friday 26 de April de 2024

Ambar enxalza o patrimonio costeiro cunha escultura na Pobra


A Pobra do Caramiñal converteuse na sexta e última parada do festival de arte inclusiva e patrimonio costeiro Mar Diverso, que contou coa asistencia de veciñanza, membros da corporación municipal e persoas ligadas á Asociación Ambar, entidade promotora.

O equipo de Vaciocero iniciou o acto cunha performance a carón da praia dos Areos. Procederon así coa colocación das distintas pezas que conforman esta acción colaborativa inspirada no mundo mariño coa finalidade de que a arte se integre coa paisaxe.

Deseguido, a atención desprazouse á fachada da praza de abastos, onde se deu paso á inauguración da escultura dirixida por Óscar Aldonza coa colaboración de compoñentes da área de artesanía da mencionada entidade que, nas semanas previas, tivo a praza do Emigrante como particular centro de traballo. A creación, protagonizada por distintos animais mariños, é, en palabras do propio Óscar Aldonza, unha homenaxe á riqueza do mar e á diversidade.

Unha iniciativa significativa pola súa dimensión social, tal e como apuntou Milagros Rey, presidenta de Ambar, quen quixo agradece-la colaboración de particulares e institucións, entre elas, a Administración local pobrense.

O acto rematou coa intervención do alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen felicitou a Ambar pola posta en marcha deste tipo de accións que fomentan a importancia da conservación da biodiversidade da ría da Arousa e trasladan uns valores prezados á sociedade.